viernes, 15 de diciembre de 2017

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PARA O ANO 2017

DECRETO 125/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2017.

Artigo 5. Persoas con discapacidade
1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.
As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.
2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
3. Esta reserva efectuarase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral e poderá concentrarse naquelas categorías profesionais ou especialidades que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade.
Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.
4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, de conformidade co artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.
5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e concentrarase naquelas categorías profesionais que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.
6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, e garantirase, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.
7. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.
8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.
Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.
9. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da persoa candidata para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.
10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
11. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

DOG Núm. 234Martes, 12 de decembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario